A nosa tenda de produtos locais

Abrimos a nosa propia tenda de produtos locais de calidade na Fonsagrada!!

Se te achegas á nosa vila, podes atoparnos na Avenida de Galicia 22, unha zona moi céntrica preto do Concello. Estamos abertos martes, mércores e xoves de 12 a 17 horas en horario ininterrompido. Non deixes de visitarnos!

Por que na Fonsagrada?

Estamos cansados e cansadas de ver como moitos negocios da nosa zona pechan. Así que apostamos por abrir a nosa tenda aquí, na Fonsagrada, para poder seguir contribuíndo á economía local e a manter con vida o noso territorio. Quixemos abrir unha tenda onde encontrar alimentos e produtos de gran calidade, elaborados por pequenas marcas e que non están dispoñibles nas grandes superficies nin nos supermercados.

Que se pode atopar na nosa tenda?

A nosa tenda é un local cheo de produtos de proximidade de pequenos produtores que, coma nós, traballan na provincia de Lugo. A nosa tenda física segue a filosofía que xa estamos a traballar na nosa tenda online, baixo a marca “Son de Lugo” e incorporamos unha liña de pratos cociñados para poder levar ou encargar.

Mel, cosmética ecolóxica, infusións, marmeladas, grelos, embutidos, viños, cervexas, conservas, zumes, queixos… E pouco a pouco imos incorporando novos produtores e produtoras para dar opcións a facer unha compra variada con produtos de calidade.

Menú semanal

Cada semana temos un menú de 3 ou 4 pratos xa cociñados e dispoñibles para poder recoller na nosa tenda da Fonsagrada. Ademais, é posible encargar unha serie de pratos e receitas tradicionais (albóndegas, callos, caldo, fabada, cocido, sopa de cocido…).

Todos os pratos elaborámolos aquí, con produtos da zona e por suposto, ca carne Tenreira Galega Suprema das nosas ganderías.

Produtos de proximidade, frescos e de calidade

Na tenda de ASGAFON facemos unha coidadosa selección dos produtos que vendemos. Para iso, seguimos criterios de calidade, de proximidade e de sabor. Cando unha persoa merca na nosa tenda, está a apoiar a economía local da nosa provincia e axudando tamén a fomentar a creación de postos de traballo na zona.
É bo para ti como consumidor/a, xa que coñeces o produto e como se elabora; bo para o produtor/a, porque pode vender a súa produción no mercado local e é bo tamén para o medio ambiente porque se apoia unha economía máis sostible e sen desprazamentos innecesarios. Deste xeito, lógrase un impacto positivo no ámbito local e no ámbito global.

Non te quedes coas dúbidas, achégate á nosa tenda física e Esther ou calquera membro do equipo ensinaranche e explicaranche todo o que temos nela!

Scroll ao inicio