Gandería en extensivo: o noso modelo de cría tradicional

Estamos na provincia de Lugo, na zona centro-oriental, nun sistema montañoso que fai fronteira natural con Asturias. Temos un clima de montaña cunha temperatura media anual que non supera os 10°C e todos estes factores inflúen no noso traballo como gandeiros e gandeiras.

As nosas vacas están adaptadas ás condicións climáticas e xeográficas dun territorio onde a gandería en extensivo se mantén desde fai séculos. Herdamos dos nosos antepasados os prados e os montes, pero tamén unha forma de entender a relación da gandería co medio ambiente, co benestar animal e co coidado da natureza.

pastoreo tradicionaL

A nosa forma de pastoreo e coidado do gando, foi pasando de xeración en xeración e incorporando os saberes de cada momento. O noso gando pasta en liberdade e aliméntase de xeito natural. En moitas das nosas ganderías as vacas e os xatos están sempre ao aire libre, noutras recóllense os animais pola noite para as cortes e sácanse polo día a pastar.

Os gandeiros e gandeiras guiamos o gando a través da montaña e levamos a cabo prácticas de rotación do pastoreo, onde os animais se moven dunha área a outra para permitir que o pasto se rexenere e así se evite a sobrecarga do solo.

A base da alimentación dos nosos animais é completamente natural: o leite materno, os pastos e forraxe ou cereais naturais. Esto fai que a súa carne teña un sabor e unha calidade únicos.

Cumprimos cos máis esixentes estándares agroalimentarios para certificar os nosos produtos coa IXP Tenreira Galega Suprema e temos varias ganderías asociadas que producen en ecolóxico.

A nosa actividade gandeira axuda á conservación do medio ambiente, mantendo a biodiversidade e actuando para mitigar o cambio climático e os incendios, xa que as nosas vacas teñen limpo o monte e transitables os camiños polos que pasan.

A preservación destas prácticas tradicionais ten un gran valor económico, social e ambiental, ademais de que garante a conservación da paisaxe e do modo de vida da nosa zona.

Scroll ao inicio