#somosASGAFON

A Asociación de Gandeiros A Fonsagrada é unha entidade sen ánimo de lucro e coa vocación de dar servizo aos seus socios e socias a nivel agronómico, medioambiental veterinario e administrativo.

No ano 2007, un grupo de gandeiros de A Fonsagrada decidiron asociarse para facer fronte con máis forza aos retos dun sector cada vez máis complexo, nun entorno global que cambia moi rápido e que na nosa zona é especialmente vulnerable.

Hoxe somos mais de 100 socios e socias que nos mantemos no sector agrario, na agricultura e na gandería.

Desde a creación de ASGAFON, hai máis de quince anos, vimos apostando pola promoción e a participación en modelos gandeiros sustentables, pola formación e a profesionalización das nosas actividades; e sobre todo, por poñer en valor os nosos recursos e potencialos como se merecen. 

Cremos nunha forma máis sostible de produción e consumo e cremos que estas son as claves para afrontar o futuro, para diferenciarnos e competir nun mundo global desde o ámbito local.

Gandería de montaña

O Concello de A Fonsagrada, está situado na montaña de Lugo, facendo de fronteira natural con Asturias. É o concello máis extenso de Galicia e ten como base da súa economía, desde sempre, o sector primario, sobre todo, a gandería.

Desenvolvemos a nosa actividade en espazos naturais de gran valor paisaxístico, como é a Rede Natura 2000 ou a Reserva da Biosfera Ríos Eo, Oscos e Terras de Burón.  A conservación da biodiversidade e imprescindible para a conservación da vida no planeta.

Asociacion de Gandeiros de A Fonsagrada
Adega Sidron Asgafon

O respecto ao noso entorno

Herdamos dos nosos antepasados un xeito de vida e unha forma de traballar en sintonía coa natureza.

Seguimos dedicándonos con cariño ao coidado dos nosos rabaños como facían os nosos pais, os nosos avós, os nosos bisavós. Dunha forma tradicional, as nosas vacas críanse en liberdade e aliméntanse de xeito natural.

Traballamos na recuperación de terras, cultivos e técnicas que en pos da  modernización se foran perdendo no noso territorio.

Traballamos os mesmos campos e montes que levan traballando as nosas familias durante varias xeracións. Sen dúbida, agora somos nós os responsables da súa custodia.

Calidade e futuro

Esta especial relación co medio, fai posible que produzamos alimentos da máis alta calidade, innovando e mirando ao futuro con sensibilidade.

As nosas socias e socios cumpren cos máis esixentes estándares agroalimentarios, conseguindo certificar os seus produtos baixo as IXP Tenreira Galega Suprema, a IXP Terras do Navia ou mesmo diferentes selos da agricultura ecolóxica a través do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

Ser gandeiro non é unha profesión, senón un xeito de vida. Nós, somos o presente deste xeito de vida na montaña.

Asociados, e traballando de forma colaborativa, somos capaces de poñer en marcha proxectos e iniciativas que de forma individual serían imposibles.

Terras-do-Navia

Xunta Directiva

Xunta Directiva ASGAFON

Os órganos de goberno e representación de ASGAFON son a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva. 

Presidencia | Marcos López López
Secretaría | José Manuel Fernández Señor
Tesourería | Juan José Fernández Alonso
Vogal 1 | Tania Rancaño Arruñada
Vogal 2 | Mercedes Pérez Pérez

Scroll ao inicio