Abrimos a nosa propia tenda de produtos locais de calidade na Fonsagrada!
Se te achegas á nosa vila, podes atoparnos na Avenida de Galicia 22, unha zona moi céntrica preto do Concello. Estamos abertos de martes a venres e tamén os sábados de feira, de 12 a 17 horas en horario ininterrompido. Os sábados de feira na Fonsagrada son o primeiro e terceiro de cada mes. Non deixes de visitarnos!
Por que na Fonsagrada?
Estamos cansados e cansadas de ver como moitos negocios da nosa zona pechan. Así que apostamos por abrir a nosa tenda aquí, na Fonsagrada, para poder seguir contribuíndo á economía local e manter con vida o noso territorio. Quixemos abrir unha tenda onde encontrar alimentos e produtos de gran calidade, elaborados por pequenas marcas e que non están dispoñibles nas grandes superficies nin nos supermercados.
Que se pode atopar na nosa tenda?
Na nosa tenda encontras produtos de proximidade de pequenos produtores que, coma nós, traballan na provincia de Lugo. A nosa tenda física segue a filosofía que xa estamos a traballar na nosa tenda online, baixo a marca “Son de Lugo”, e incorporamos unha liña de pratos cociñados para levar ou encargar.
Mel, cosmética ecolóxica, infusións, marmeladas, grelos, embutidos, viños, cervexas, conservas, zumes, queixos… E pouco a pouco imos incorporando novos produtores e produtoras para dar opcións a facer unha compra variada con produtos de calidade.
Menú semanal
Cada semana temos un menú de 3 ou 4 pratos que cociñamos aquí e listos para recoller na nosa tenda da Fonsagrada ou sentar tranquilamente e comelos alí. Ademais, é posible encargar unha serie de pratos e receitas tradicionais (albóndegas, callos, caldo, fabada, cocido, sopa de cocido…).
Todos os pratos elaborámolos aquí, con produtos da zona e por suposto, coa carne Tenreira Galega Suprema das nosas ganderías e produtos das hortas dos socios e socias.
Produtos de proximidade, frescos e de calidade
Na tenda de ASGAFON facemos unha coidadosa selección dos produtos que vendemos. Para iso, seguimos criterios de calidade, de proximidade e de sabor. Cando unha persoa merca na nosa tenda, está a apoiar a economía local da nosa provincia e axudando tamén a fomentar a creación de postos de traballo na zona.
É bo para ti como consumidor, xa que coñeces o produto e como se elabora; bo para o produtor, porque pode vender a súa produción no mercado local e é bo tamén para o medio ambiente porque se apoia unha economía máis sostible e sen desprazamentos innecesarios. Deste xeito, lógrase un impacto positivo no ámbito local e no ámbito global.
Non te quedes coas dúbidas, achégate á nosa tenda física e calquera membro do equipo ensinarache todo o que podes atopar nela!